Friday 29 de March de 2024

Toques poderá arranxar as súas pistas municipais cunha achega de 74.000 euros da Deputación


O titular provincial sinala que este tipo de obras cumpren co obxectivo da Deputación de axudar a todos os concellos da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou co alcalde de Toques, José Antonio Castro Fraga, un convenio de colaboración polo cal a entidade provincial achegará 73.857 euros para arranxar pistas municipais do municipio, entre elas o camiño Cabana Vella.

As obras, cuxo custo asume en solitario o ente provincial, consistirán na mellora da base de firme, a apertura de cunetas, e o bacheo e o tratamento da superficie, segundo as necesidades do viario. En total está previsto intervir ao longo de 4.600 metros nos camiños de Cabana Vella, de Outeiro a Coitos, A Arcuide, Carpaceira, Mirallos, de Trandeiras ás Penas e da estrada DP 4604 a Donelle.

Segundo explicou o alcalde, trátanse todas elas de pistas municipais en moi mal estado porque “levan 8 ou 10 anos que non se arranxan” e son moi transitadas polos veciños porque conectan distintos núcleos do municipio.

“É unha obra de primeira necesidade porque co inverno pasado danáronse moito as estradas”, sinalou Castro Fraga. Pola súa banda, Diego Calvo entende que esta intervención é unha forma máis de axudar aos concellos da provincia cumprindo así coa filosofía da Deputación.